- Outras denominacións
- Petróglifo Nº 1 dos Penoucos do Campo Redondo, Eira dos Mouros ou Chan da Lagoa
- Tipoloxía
- Arqueoloxía
- Cronoloxía
- Idade do Bronce
- Lugar
- Campo Redondo
- Parroquia
- San Miguel de Valga
- Concello
- Valga
Na paraxe coñecida como Campo Redondo emprázase a rocha que contén os gravados, e que xa fora descrita por X. Ferro Couselo (1952, p. 94) e por F. Bouza Brey-R. Sobrino (1948, p. 333-343). Nos dous casos, reproducen os motivos observados. Da rocha principal, a representación máis fiel e exacta é a realizada por F. Bouza Brey-R. Sobrino. Así, esta rocha principal presenta unha forma alongada, en sentido nordeste-suroeste, séndolle esnaquizada a parte dereita centro-inferior da mesma, debido a labores extractivas realizadas hai anos, e que os propios veciños paralizaron.
Os motivos existentes están compostos por unha combinación de varios grupos de círculos concéntricos (entre catro e seis círculos), con cazoleta central, e dos que parten sucos a modo de radios. Dos catro grupos concéntricos observados, tres deles conteñen un único radio, mentres que o grupo de maiores dimensións, e situado ademais nunha posición central respecto á rocha, contén 5 radios, todos eles partindo da cazoleta central e excedendo os límites do motivo concéntrico. Así, o radio que parte cara a parte inferior da rocha (suroeste) continúa até acadar os dous grupos situados na zona inferior, cun desenrolo último sinuoso, que case podería verse como un serpentiforme. Xunto a estes grandes grupos concéntricos, aparecen formas circulares illadas, polo xeral asociadas tamén a sucos que parten do seu perímetro. Ademais das formas circulares, o outro gran grupo de motivos presente nesta rocha son os sucos, en varios casos convertidos en serpentiformes, destacando os dous motivos situados na parte esquerda da rocha, e case sempre de amplas lonxitudes, cunha orientación principal no sentido do eixo da rocha (nordeste-suroeste). Pequenas cazoletas, bastante erosionadas, completan os motivos observados. Unha prolongación desta rocha principal cara o lado inferior esquerdo (oeste-noroeste), xa moi deteriorada, ofrece algúns novos motivos: dous círculos concéntricos con cazoleta central, acompañado por tres pequenas cazoletas e un suco en forma de arco, pola zona superior, mentres que cara a parte baixa aparecen catro novas cazoletas, tres delas dispostas en ringleira e con lixeira forma de arco.
Segundo imaxe e texto de José Pñeiro Ares (Pontecesures 1927-2001), publicado no Faro de Vigo en 1967: “en plena selva virgen, sugieron dos niños pastores, María Mosteiro Bodaño y Enrique Magán Bodaño de siete y ocho años respectivamente. Los dos niños, que tienen a sus hermanos mayores en Holanda, vigilaban el pastoreo de unas reses. Coñecedes unha pedra con debuxos? Le preguntamos. Enriba do monte hai unhas pedras, que nós chamamos das culebras, respondieron”.
A explicación popular á súa denominación vén pola existencia de cobras no lugar: "Campo Redondo, Campo Redondo, onde culebras e serpentes non teñen sono".
Referencias
Protección
PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-24: GA36056001)
Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
Coordenadas (WGS84)
42.704105, -8.618745
Máis elementos do catálogo
Arqueoloxía
Mercado dos Mouros
Valga, Santa Comba de Cordeiro
Arqueoloxía
Petróglifo do Gandarón
Valga, San Salvador de Setecoros
Arqueoloxía
Castro de Vilar
Valga, Santa Comba de Cordeiro