Saltar ao contido principal

Hórreo Nº 1 da Casa Aguirre

Hórreo Nº 1 da Casa Aguirre - Dodro - San Xoán de Laíño
Imaxe: Beatriz Pereiras
Tipoloxía
Hórreos
Cronoloxía
1758
Lugar
Imo
Concello
Dodro

Na horta da Casa de Aguirre, de gran extensión, onde hai un segundo hórreo e dous pombais, ademais dunhas dependencias en ruínas.

A cimentación é unha repisa alta de perpiaños de granito. Os soportes son catro cepas tamén de perpiaños. O tornarratos é unha peza corrida ao longo de todo o corpo do hórreo. Ten tres claros, con balaústres de madeira e unha cinta. Non ten linteis. Columnas e cornixa de pedra. Parece que os dous penais son de pedra, con dez fendas de ventilación verticais e dúas horizontais, cun orificio circular no pinche. Sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra. Cubrición de tella do país. Remates: cruz latina baixa cos extremo ensanchados de sección cuadrangular e ángulos en chafrán, sobre escocia, no pinche norte; e pináculo piramidal sobre base cuadrangular no pinche sur. Orientado ao NE-SW.

A ficha do Inventario de Patrimonio sinala que este hórreo foi construído no ano 1758 (primeiros indicios do cultivo do millo nesta zona). Parece que o ano está documentado nos anais da familia Aguirre. Ademais, os canteiros construtores foron os mesmos que construíron a igrexa parroquial (1754) e a casona dos fidalgos. A familia Aguirre, de orixe vasca, estableceuse en Imo no século XVIII. Posuidores dunha cuantiosa fortuna en terras, enchían os tres hórreos que posuían a base de “medias” ou rendas que percibían na colleita de Teaio, Imo e Castro, ademais da freguesía inmediata de San Xián. Na época que se corresponde en Galicia coa Ilustración e durante o reinado de Carlos III, chegaron a estas latitudes familias completas de vascos que se dedicaron, entre outras cousas, á implantación do millo, que fomentaron enormemente. Para iso, mercaron terras en abundancia que despois arrendaban a labradores necesitados.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 231)

Protección

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia

Coordenadas (WGS84)

42.713774, -8.724692

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo