Saltar ao contido principal

Hórreo de Castro

Hórreo de Castro - Dodro - San Xoán de Laíño
Imaxe: Beatriz Pereiras
Outras denominacións
Hórreo da Casavella
Tipoloxía
Hórreos
Cronoloxía
1869
Lugar
Castro
Concello
Dodro

Na entrada de Castro polo sur, vindo desde Imo, ao pé da estrada.

Fermoso e antigo exemplar de hórreo mixto, coñecido polo nome de hórreo da Casavella. A cimentación é unha repisa alta de cachotaría de granito encintada con cemento. Os soportes son seis cepas de pedra con molduras na parte superior. Os dous gabinetes do norte están pechados con ladrillo e cemento, servindo para gardar animais, mentres que as dúas cepas do medio e o gabinete do sur están cubertos con hedra. Tornarratos corrido ao longo de todo o corpo do hórreo. Ten cinco claros, con balaústres de madeira e dúas cintas nos tres últimos claros, mentres que os dous primeiros claros están pechados con ladrillo. Non ten linteis. Columnas e cornixa de pedra, esta última moldurada e servindo de separación do penal traseiro con respecto ao seu pinche. Penal dianteiro de pedra co van da porta alintelada, estando pechado con ladrillo; e penal traseiro de pedra con dez fendas de ventilación horizontais. Sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra. Cubrición de uralita (na metade sur) e tella do país. Remates: non conserva a cruz, tan só a base cuadrangular; e reloxo de sol na parte traseira, de forma cuadrangular con remate semicircular e sobre base rectangular, todo en pedra, non conservando o gnomon e cuberto de fungos. Orientado ao NW. Segundo a ficha do Inventario de Patrimonio, mide 10 metros de longo, 2 de ancho e 3 de alto.

Segundo a ficha do Inventario de Patrimonio, é do ano 1869, data visible no frontispicio norte, aínda que hoxe en día non se consegue distinguir. En uso actualmente. Parece tratarse dun dos hórreos máis antigos da parroquia.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 215)

Reloxos de sol de Galicia

Protección

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia

Coordenadas (WGS84)

42.719186, -8.720435

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo