Saltar ao contido principal

Hórreo da Igrexa

Hórreo da Igrexa - Dodro - San Xián de Laíño
Imaxe: Beatriz Pereiras
Tipoloxía
Hórreos
Cronoloxía
1824
Lugar
A Igrexa
Concello
Dodro

Situado na mesma finca que o Pombal do Outeiriño, pertencente á casa nº 14 do núcleo. Sitúase ao pé da estrada.

Non ten repisa, as cepas asentan sobre cadanseus bloques de pedra. Os soportes son catro cepas de pedra encintadas con cemento coa cimentación e moldurados no seu extremo superior. O tornarratos é unha peza corrida ao longo do corpo do hórreo. Ten tres claros, con balaústres de madeira e dúas cintas, cunha porta de madeira no lateral leste. Non ten linteis. Columnas de pedra e cornixa de madeira. Penal dianteiro de pedra con porta de madeira e penal traseiro tamén de pedra con sete fendas de ventilación horizontais. Sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra. No pinche frontal (encintado con cemento co penal) parece que estaría inscrita a data de construción, aínda que está practicamente borrado (1824?). Cubrición de tella do país. Os remates non son os orixinais, estando feitos estes en cemento. Parece que tiña orixinariamente unha fermosa cruz, mais desapareceu. Actualmente presenta unha cruz latina alta e estreita de ángulos en chafrán sobre base en escocia e un pináculo piramidal sobre base cuadrangular. Orientado ao NE.

No 2010, di a propietaria, de 79 anos, que ten máis de cen anos, xa que a casa, co hórreo e o pombal, comprouna o seu avó cando veu da Arxentina, e que a súa nai, que morreu con máis de oitenta anos, acórdalle sempre o pombal e o hórreo. Antigamente o hórreo estaba situado uns metros máis ao sur, mais ao facer a actual pista asfaltada tiveron que desprazalo uns metros cara o interior da finca.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 75)

Protección

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia

Coordenadas (WGS84)

42.724797, -8.712966

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo