Saltar ao contido principal

Igrexa de San Salvador de Setecoros

Igrexa de San Salvador de Setecoros - Valga - San Salvador de Setecoros
Outras denominacións
Igrexa do Divino Salvador de Setecoros
Cronoloxía
1701
Lugar
A Eirexe
Concello
Valga

Aínda que a construción da actual parroquial data do século XVIII, sendo rematada en 1701, de aquí proceden varios capiteis prerrománicos, entre a época sueva e a visigoda, conservados na súa maior parte no Museo de Pontevedra e no Museo da Catedral de Santiago.

M. Núñez (1978) data estes capiteis cara o século VI-VII e defíneos como “insólitos en Galicia, cun depurado estilo, poderían ser importados ao longo da rede viaria que se encamiña cara Iria Flavia ou elaborados por un taller itinerante”. Para este mesmo autor, o templo de Setecoros podería ter a súa orixe nunha anterior basílica tardorromana.

Na igrexa actual, emprazada nun outeiro que mira cara o val do río Valga, consérvanse aínda dous exemplares destes capiteis, sostidos por sendas columnas de granito, que enmarcan a entrada ao altar. Manteñen as mesmas características que os conservados en Pontevedra e Santiago, recollendo elementos clásicos “follas evocadoras do naturalismo, dispostas en ringleira con eixos sinalados por un forte nervio que remata no saínte central con dous lóbulos ós lados” (Núñez, p. 82).

A presenza destes restos, as referencias bibliográficas e o propio emprazamento da parroquial, fan supoñer a existencia de vestixios antigos na contorna da actual igrexa, que puideran corresponder, cando menos, ao templo primitivo do que proceden os capiteis conservados.

A igrexa parroquial de Setecoros consta dunha soa nave, de catro treitos. A fachada é neoclásica, composta por frontón e pilastras. Nos muros da nave e no prebisterio consérvanse columnas con capiteis vexetais. Portada consistente nun arco de medio punto coa clave marcada. Porta en madeira de castaño labrada e policromada. Torre-campanario a un lado da fachada, que para acceder a el hai que subir por unha escaleira de caracol. No seu interior podemos apreciar unha pía bautismal de estilo románico e unha imaxe da Virxe de pedra do Románico tardío, así como un retablo de madeira barroco policromado do século XVIII.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga, aprobado o 15 de outubro do 2010 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Marcelo del Campo

Protección

PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-13: GA36056012)

PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-315)

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Coordenadas (WGS84)

42.671731, -8.659514

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo