Saltar ao contido principal

Xacemento romano do Gandarón

Xacemento romano do Gandarón - Valga - San Salvador de Setecoros
Tipoloxía
Arqueoloxía
Cronoloxía
Época romana
Lugar
Cernadas
Concello
Valga

Este xacemento foi catalogado a raíz do descubrimento dunha serie de retos materiais detectados durante o control arqueolóxico da construción do gasoduto Valga-Tui. Durante aquela actuación, recuperouse ao longo dunha superficie de pouco máis de 100 metros, un conxunto material composto por 62 fragmentos, dos que a gran maioría (37 anacos) corresponden con cerámica de construción romana, en concreto tegulae. Xunto a este grupo, aparecen tamén 19 fragmentos de cerámica común romana (na súa maior parte vasillas sen decoración), 1 moeda e 3 pezas de granito con superficies pulidas por uso (nun dos casos foi identificado o durminte dun muíño circular de man). Naquel momento o xacemento foi erroneamente adscrito ao Concello de Caldas de Reis.

En inspección realizada para a elaboración do catálogo do PXOM do Concello de Valga, localizáronse restos materiais de adscrición romana e compostos principalmente por anacos de cerámica de construción, sobre todo tegulae. Na zona de localización da cerámica, obsérvase igualmente a proliferación de pezas de granito, de pequeno e mediano tamaño, que ofrecen algunha ou varias das súas caras traballadas, e que poderían formar parte de estruturas pétreas, actualmente non determinadas.

Desgraciadamente, durante as obras do gasoduto, perdeuse unha oportunidade única para coñecer, a través de sondaxes valorativas, a tipoloxía e detalles deste xacemento. A presenza de abundantes restos materiais, tanto de construción como de uso común (cerámicas, muíños ou moedas), e os indicios aportados sobre posibles estruturas murais, levan a pensar nun asentamento da época romana, de tipoloxía aínda por determinar.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga, aprobado o 15 de outubro do 2010 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Protección

PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-09: GA36056017)

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Coordenadas (WGS84)

42.662575, -8.649482

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo