Saltar ao contido principal

Igrexa de Santa María de Leiro

Igrexa de Santa María de Leiro - Rianxo - Santa María de Leiro
Imaxe: José Alberto Solla Barreiro
Cronoloxía
Século XVII
Lugar
A Igrexa
Concello
Rianxo

A de Santa María de Leiro é un templo románico do século XVII que presenta unhas dimensións exteriores máximas de 24,20 por 9,70 metros. Consta dunha única nave de planta rectangular con ábsida na cabeceira que conforma o presbiterio. Accédese a ela a través dun arco triunfal de medio punto e está cuberta con bóveda estrelada. A nave principal é de bóveda de canón rebaixada, feita en madeira e cos cimbros á vista. Ós pés presenta tribuna con escada de caracol de acceso que transcorre polo interior do campanario. A sancristía está engadida á ábsida con posterioridade.

Os muros son de cachotaría e a fachada principal e a torre de cantaría. A torre é de planta cadrada e está situada no lateral dereito da fachada, composta por tres treitos; o primeiro totalmente liso, do século XVIII, sen decoración; os dous últimos son posteriores e de estilo barroco. Remata en cúpula.

A fachada principal consta de porta rectangular, posiblemente maior cá orixinal, xa que desborda o arco de medio punto, enmarcado por xambas e con adornos florais nas arquivoltas. Sobre a porta hai repisa e dosel en forma de cunca coa imaxe da Virxe co Cristo en brazos. Enriba ábrese un pequeno rosetón con dobre caída. A caída é a dúas augas con tella curva do país.

No interior da nave hai un pequeno baptisterio no lado do evanxeo e dous altares de pedra colocados diagonalmente nos ángulos do fondo. Tamén se atopa un curioso sarcófago e no muro contrario un fermoso escudo.

No cemiterio consérvase parte do cruceiro de capeliña de Leiro debuxado por Castelao (As cruces de pedra na Galiza, lámina LXXIV), reutilizado parcialmente sobre a tumba do párroco José Combeiro Rodríguez.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo - Aprobación inicial de maio 2014

Patrimonio Galego

Fotos de Rianxo

Juan Cabeza Quiles

Protección

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo (A-012)

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Coordenadas (WGS84)

42.655415, -8.778143

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo