- Tipoloxía
- Arquitectura relixiosa
- Cronoloxía
- Século XVI
- Lugar
- Asadelos
- Parroquia
- Santa María de Asados
- Concello
- Rianxo
É un templo de gran interese polas solucións arquitectónicas que presenta. Construída no século XVI, mide 32 metros de longo e 13,90 de ancho (dimensións máximas exteriores). A sancristía e capelas laterais son de construción máis recente, e a torre data do século XVIII. Presenta planta de cruz latina, co brazo transversal moi curto. Ten dúas capelas laterais de pequenas dimensións e unha terceira dependencia xunto ao altar maior. As naves confórmanse de bóvedas de canon sobre arcos de medio punto. O cruceiro a altura é menor e a bóveda de aresta. As sancristías nova e vella tamén presentan bóveda de canón.
A fachada principal reconstruíuse no século XVIII. A torre campanario ten grandes dimensións e está situada no eixo da fachada, algo pouco común nesta zona, e divídese en cinco treitos, de planta cadrada; o primeiro corresponde á entrada mesma da igrexa, porta rematada con arco de medio punto, pilastras e frontón triangular partido pola fornela que contén unha imaxe da Virxe. No terceiro corpo encóntrase o campanario propiamente dito que remata cunha pequena cúpula.
Existe unha entrada lateral e algúns ocos de iluminación; ós pés da nave sitúase o coro de madeira. A cuberta é a dúas augas de tella do país; destaca volumetricamente o cruceiro, cuberto a catro augas. Nunha das paredes hai un reloxo de sol, instalado no ano 1993.
Castelao publica no número 73 de 1930 da revista Nós, a historia que recolle dunha vella de Asados. Conta a lenda que uns ladróns van buscar na noite ao cura á casa reitoral. Queren que lles acompañe ao cruceiro do adro, para poñerlle os sacramentos a unha muller que vai morrer, ou sexa, á que ían asasinar. Ao día seguinte apareceu removida a terra nun curruncho do adro, como se alí soterraran a un defunto aquela noite.
Referencias
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo - Aprobación inicial de maio 2014
Protección
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo (A-006)
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
Coordenadas (WGS84)
42.677312, -8.788000
Máis elementos do catálogo
Arquitectura relixiosa
Ermida de Santa Lucía
Rianxo, Santa María de Asados
Arquitectura relixiosa
Capela de Virxe da Guadalupe
Rianxo, Santa Comba de Rianxo
Arquitectura relixiosa
Igrexa de Santa Baia do Araño
Rianxo, Santa Baia do Araño