Saltar ao contido principal

Igrexa de Santa Baia do Araño

Igrexa de Santa Baia do Araño - Rianxo - Santa Baia do Araño
Imaxe: José Alberto Solla Barreiro
Cronoloxía
Século XVII
Lugar
Traba
Concello
Rianxo

A igrexa parroquial do Araño, datada no século XVII, consta dunha soa nave de planta rectangular dividida en catro treitos, por tres arcos faixóns de medio punto apoiados sobre pilastras. O último treito corresponde ao presbiterio, lixeiramente máis estreito e máis baixo. Unha liña de imposta marca o comezo da bóveda de canón que cobre toda a nave. Antes da ábsida aparecen dous pequenos altares laterais incrustados no muro, nun oco formado por un arco de medio punto. Nos pés da nave atópase a tribuna á que se accede a través dunha escaleira incrustada no muro.

No exterior o volume é case prismático, xa que o altar apenas destaca, tan só a sancristía engadida na cabeceira do mesmo, cunha menor altura e muros de cachotaría. As súas dimensións máximas son de 11,45 por 31,60 metros. A fachada principal carece de adornos. A porta ten un arco de medio punto, e sobre esta un oco cadrado de iluminación. No lateral dereito da fachada aparece a torre-campanario, de planta cadrada e dividida en tres corpos; o inferior non presenta decoración, tan só a porta de acceso. O último treito está formado por unha cúpula sobre un tambor de sección octogonal.

A igrexa consérvase en bo estado, cunha recente restauración da cuberta. Nos anos 30 do século pasado foi substituída a tribuna orixinal de madeira pola actual de albanelería. Está rodeada polo cemiterio, formado por nichos de xeito graduado para salvar o desnivel do terreo.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo - Aprobación inicial de maio 2014

Mateo Vázquez Ares

Protección

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo (A-001)

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Coordenadas (WGS84)

42.693712, -8.800251

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo