Saltar ao contido principal

Pazo do Martelo

Pazo do Martelo - Rianxo - Santa Comba de Rianxo
Imaxe: roteirocastelao.gal
Outras denominacións
Pazo de Chariño
Tipoloxía
Arquitectura civil
Cronoloxía
Século XVII
Lugar
Praza Rafael Dieste
Concello
Rianxo

Pazo do século XVII coa fachada principal mirando á Praza de Rafael Dieste, presidida polo Cruceiro da Cubeliña, fronte á Igrexa de Santa Comba de Rianxo. Edificado a finais da primeira metade do século XVII por Juan Faxardo de Andrade, que casara coa propietaria da Torre dos Soutomaior existente no lugar, María Álvarez de Soutomaior.

Edificación de dous andares resolta con muros de cantaría vistos na fachada principal e muros de cachotaría no resto, enfuscados e pintados con remates en cantaría nos balcóns, recercados, esquinas, zócalo e cornixa. Fachada principal á praza, con escudos nos extremos e acceso mediante un portón alintelado central. Balcón corrido no segundo andar, disposto sobre ménsulas e con balaustrada de pedra. Escudo na fachada posterior, de composición simétrica de oito ocos rectangulares de arco rebaixado con molduras.

O edificio actual non corresponde co orixinal, do século XVII, que incluía unha torre de tres andares. Ao parecer a única construción inicial, do século XV, propiedade de Don Paio Gómez de Soutomaior, O Chariño, foi despois ampliada sobre as casas circundantes. Presenta tamén un brasón con coroa de marqués e emblemas dos Varela, Figueroa, Andrade e Soutomaior, ningunha delas representativa do primeiro señor da casa, O Chariño de Soutomaior, militar e poeta.

Os tres escudos que posúe e os restantes de Rianxo, foron debuxados por Castelao, que os publicaría en 1933 na revista Nós. O edificio pasou por herdanza ao poeta Evaristo Martelo Paumán del Nero, autor de diversas composicións poéticas, entre as que destaca Lembranza, un canto á historia dos seus ilustres moradores. Da súa autoría é a célebre frase dirixida ao rapaz Castelao, cando estaba co seu tío, o carpinteiro Manuel Castelao Genme, no pazo. Díxolle: falar galego non é falar mal, é falar diferente. Falecido en 1928, foi o último morador do edificio, agora coñecido como Pazo do Martelo.

Foi declarado BIC (Ben de Interese Cultural) en 1973 e rehabilitado polo Concello en 1986 para albergar a Biblioteca Municipal de Rianxo.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo - Aprobación inicial de maio 2014

Patrimonio Galego

Roteiro Castelao

Protección

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo (B-062)

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

Coordenadas (WGS84)

42.650710, -8.818978

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo