Saltar ao contido principal

Casa dos Aguirre

Casa dos Aguirre - Rianxo - Santa Comba de Rianxo
Imaxe: roteirocastelao.gal
Tipoloxía
Arquitectura civil
Cronoloxía
1565
Lugar
Rúa do Hospital
Concello
Rianxo

Esta casa brasonada, que fundara en 1565 o fidalgo Gonzalo Fernández de Bastón, segundo indicou o propio Castelao, está situada onde comeza a rúa do Hospital. Era propiedade dos Aguirre (un dos Aguirre, Sixto, foi “paseado” en Palas de Rei, xunto a Camilo Díaz Valiño, pai de Isaac Díaz Pardo, en agosto de 1936). Os Aguirre tamén tiñan casa en Imo (Dodro). Cando decidiu establecerse na vila, Castelao escolleuna para instalar nela a súa consulta médica.

Unha vez casado con Virginia Pereira Renda, en outubro de 1912, o matrimonio fixou nela a súa residencia. Había poucos meses que expuxera os seus cadros en Madrid, con boa acollida, tendo certas repercusións na vila. Á volta do artista, un tal Manuel Otero, desde as pedras de Longras, lanzou ao aire unhas cantas ducias de bombas para darlle a benvida. Logo celebraron un banquete na súa honra. Aquí pintou algúns dos seus debuxos e cadros, entre eles o tríptico “Contos de cegos”, que lle encargara o seu amigo Enrique Peinador en 1914, para o hotel do balneario de Mondariz e que entregou en xaneiro de 1915. Ademais, ese mesmo ano naceu o seu único fillo, Alfonso Luís Xesús.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo - Aprobación inicial de maio 2014

Roteiro Castelao

Galicia Hoxe

Rianxeiros

Nomes e Voces

Nós Diario

Rabunho Rexeita

Protección

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo (CH-1)

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Coordenadas (WGS84)

42.650834, -8.818659

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo