Saltar ao contido principal

Igrexa de Santa María de Herbón

Igrexa de Santa María de Herbón - Padrón - Santa María de Herbón
Imaxe: José Alberto Solla Barreiro
Cronoloxía
Século XII
Lugar
A Igrexa
Concello
Padrón

Igrexa románica da segunda metade do século XII que foi mandada construír polo Arcebispo Xelmírez. Consta dunha soa nave de planta rectangular e de considerable altura, con contrafortes para reforzar os muros. Leva sancristía acaroada ao muro norte e o tellado vai a dúas augas con cuberta de tella curva. Amosa na fachada unha portada con tres arquivoltas peraltadas, a superior con arcos lobulados, e as outras con molduras e adornos xeométricos, sobre seis columnas acobadadas, flanqueadas por dous ocos con arcos cegos semicirculares. No tímpano vai a figura en pedra da Virxe, sobre peaña de ferro. A porta está alintelada con xambas de arco. Na parte superior leva unha fiestra flanqueada por columnas, arco de medio punto e pequeno tímpano. Enriba desta, un campanario de dous ocos con arco de medio punto para albergar as campás e coroado cunha cruz de pedra.

Na entrada sur, amosa unha porta que está enmarcada por arquivoltas semicirculares de molduras resaltadas, apoiadas en dous pares de columnas con decoración vexetal nos capiteis. No tímpano hai unha cruz moi gastada pola erosión da pedra. No beirado do tellado leva canzorros sostendo a cuberta con figuras de diferentes motivos xeométricos e figurativos, cunha inscrición do século XII nun dos muros. A cabeceira do templo consta de presbiterio amplo, no que abre óculo no seu lado meridional. Por diante, o cilindro absidal divídese en tres lenzos por medio de dous semicolumnas acaroadas que se alzan sobre podio de dúas fiadas, do mesmo xeito que o zócalo, e que alcanzan a cornixa por medio de capiteis. Unha imposta biselada continúa os cimacios dos vans por todo o cilindro absidal. Cada un dos lenzos está centrado por unha fiestra refundida e con van a modo de seteira, decorado con arquivoltas con adornos de bólas e axadrezadas. No do medio podemos ver os capiteis con figuras de aves e grifóns. Ten un reloxo de sol.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Padrón, aprobado o 27 de xullo de 1994

Patrimonio Galego

Reloxos de sol de Galicia

Pablen Compostela Teo

Protección

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Padrón

Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Coordenadas (WGS84)

42.734673, -8.628232

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo