- Tipoloxía
- Obra civil
- Cronoloxía
- 1859
- Lugar
- Castro
- Parroquia
- San Xoán de Laíño
- Concello
- Dodro
Localizado na portada de entrada a unha finca privada, propiedade, orixinalmente, da Casa da Bexa, na zona alta do lugar de Castro.
Trátase dun dos reloxos de sol máis fermosos do concello e o único exemplar no mesmo de reloxo cúbico. Localízase sobre un dos muros de peche da propiedade, na esquina occidental do mesmo, xunto ao portalón de entrada. No lintel deste portalón é visible a data de construción do conxunto: 1859.
O reloxo levántase en altura sobre unha columna de granito de sección cuadrangular cos ángulos en chafrán, ancheando na parte superior, punto onde é rectangular cos extremos redondeados. O reloxo propiamente dito é un bloque cuadrangular de granito exento, cos ángulos inferiores biselados e parte superior cun remate en forma de pirámide truncada, sendo visible, debaixo desta, un motivo decorativo floral en relevo inscrito nun círculo, na cara frontal, sobre o gnomon. Conserva o gnomon en cada unhas das tres caras que funcionan como reloxo, sendo este unha lámina metálica triangular. As liñas horarias son bastante visibles no caso do reloxo ortomeridiano (orientado ao sur), aínda que algo gastadas, mentres que no caso dos reloxos meridianos (orientados ao leste e oeste) apenas se perciben, se ben hai que sinalar a dificultade de visión ao estar a unha altura considerable. As caras do reloxo miden, aproximadamente, uns 30 centímetros por 10 de ancho, e uns 30 de alto.
Trátase dun reloxo de tipo cúbico, sendo estes os que teñen os tres reloxos: un ortomeridiano (orientado ao sur) e dous meridianos (orientados, un ó Este, e outro ao oeste), sendo este o segundo tipo de reloxo de sol máis abundante en Galicia despois do tipo ortomeridiano, aínda que a grande distancia deste.
O reloxo data de 1859, data de construción da propiedade, tal e como se pode ler na portada da entrada á finca. A Casa da Bexa foi de grande relevancia económica, como se demostra neste magnífico exemplar de reloxo cúbico, signo de ostentación e riqueza.
Foi retirado polo Concello de Dodro no ano 2014 e actualmente está tirado nunha horta.
Referencias
Traballo de inventariado feito por Beatríz Pereiras en 2010
Protección
Non
Coordenadas (WGS84)
42.719705, -8.720611
Máis elementos do catálogo
Obra civil
Pombal de Fino
Dodro, San Xoán de Laíño
Obra civil
Pombal do Outeiriño
Dodro, San Xián de Laíño
Obra civil
Reloxo de sol da Igrexa de San Xián de Laíño
Dodro, San Xián de Laíño