Saltar ao contido principal

Hórreo de Tarrío

Hórreo de Tarrío - Dodro - San Xián de Laíño
Imaxe: Beatriz Pereiras
Tipoloxía
Hórreos
Lugar
Tarrío
Concello
Dodro

Situado no lugar coñecido como a Banda de Tarrío, nunha finca en absoluto estado de abandono, chea de vexetación.

Fermoso exemplar de hórreo mixto, aínda que en moi mal estado. Non ten repisa, se non que as cepas asentan sobre unha base alta de cachotaría de granito de planta rectangular e máis anchas que os potros. Son de factura ruda, sendo visible algún remendo con cemento, medindo 1 metro de altura. Ten catro cepas de pedras, de perpiaño, molduradas na parte superior. O tornarratos é unha peza corrida ao longo do corpo do hórreo. Ten tres claros con balaústres de madeira e dúas cintas, aínda que conserva a madeira en mal estado. Os dous claros máis austrais están cubertos de hedra. Ten unha porta de madeira no lateral oeste, para a entrada ao segundo e terceiro claro. Diante desta entrada, no chan, é visible unha gran pedra rectangular, para empregar como apoio das esqueiras e dos cestos co millo. Na parte frontal presenta unhas esqueiras de pedra con tres grades, para acceder ao claro norte. Non ten linteis. Columnas e cornixa de pedra. Penal dianteiro de pedra cos restos da porta de madeira, e penal traseiro de pedra, cuberto de hedras. Sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra. A cubrición é de tella do país, atopándose en moi mal estado. Remates: non conserva a cruz, mantendo tan só a base en escocia; e pináculo piramidal rematado en bola, cuberto tamén de hedra. Orientado ao NE.

No 2010, di unha das súas propietarias que ten que ser moi antigo, que tería bastante máis de cen anos, se callar case douscentos.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 165)

Protección

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia

Coordenadas (WGS84)

42.722541, -8.710309

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo