Saltar ao contido principal

Cruceiro de Bustelo

Cruceiro de Bustelo - Dodro - San Xoán de Laíño
Imaxe: Refoxeiro
Cronoloxía
1893
Lugar
Bustelo
Concello
Dodro

Cruceiro localizado no centro de dous camiños dentro do núcleo.

Está rodeado dun muro de pedra e de reixa de ferro fundido. Sobre o muro atópase o peto de ánimas. É todo de granito. Mide 4,50 metros de alto e 1,50 de ancho. O baseamento é unha plataforma elevada executada a partir de perpiaños labrados, con tres gradas. O pedestal é cúbico, moi moldurado e unha grande escocia, coa seguinte inscrición:

Por detrás:

PROPIEDADE DE

Por un dos lados:

SE HIZO I PINTO A DEVOCION

D(e) JOSE IGLESIAS, ANTONIO

SÓÑORA, ANDRES TUBIO,

JOSE BASQU(e)Z, MANUEL

LOPEZ, MANUEL SÓÑORA

Por diante:

BITORIO SÓÑORA

AÑO 1893

O peto é de tipo aberto situado sobre o muro que encerra o cruceiro. Non é máis que o retablo colocado sobre a parede, sen ningún adobío e co caixón situado na parte baixa. O retablo é de pedra, antes policromada, agora case sen cores, no que, presidido pola Virxe do Carme, aparecen catro ánimas entra as lapas. Unha delas agárrase pola esquerda ó escapulario da Virxe, mentres que as tres restantes, en ringleira, permanecen pasivas. O varal ten fuste de sección cadrada en inicio e remate, e octogonal no resto. Con símbolos da paixón: martelo, tenaces, escada, cravos. O capitel é cuadrangular con astrágalo cuadrangular liso, ábaco con lados curvos e vértices chafranados, volutas, cunchas, orlas vexetais e querubíns. A cruz é de sección circular, leñosa con nós. No anverso da cruz ten un Cristo ben elaborado e coas faccións finamente destacadas, crucificado con tres cravos, inclinando a cabeza cara a dereita, coas mans abertas. Con coroa de espiñas, pano de pureza suxeito cunha corda, INRI (pergamiño). No reverso da cruz hai unha Virxe do Carme sobre nubes con querubíns.

Tanto o peto como o cruceiro datan do ano 1893. O peto non tiña ningunha lenda, mais o cruceiro amósase profusamente epigrafado, presentando unha lenda na que aparecen nomeados os sete homes que prometeron, antes de partir a Cuba, construír un cruceiro na súa aldea se todo lles ía ben. O cruceiro foi feito polo vello santeiro de Chave (Lousame) Andrés Castaño, ao que lle pagaron dezaseis onzas de ouro. Tróuxose desde Noia en dous carros de bois.

No recinto que rodea este elemento enterrábanse antes aos nenos sen bautizar, así como os abortos ocorridos na aldea. O último neno soterrouse haberá uns 75 anos. Aínda que esta tradición de soterrar as ánimas inocentes dos prematuros arredor das cruces e cruceiros non era excepcional en Galicia, son moi poucos os escritos que a recollen. O cortexo fúnebre paraba diante.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Traballo de inventariado feito por Beatríz Pereiras en 2010

Sendeiros de Dodro

Patrimonio Galego

Cruceiros de Galicia

Protección

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro (CR-04)

Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Decreto 571/1963, de 14 de marzo, sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico

Coordenadas (WGS84)

42.731043, -8.768759

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo