- Tipoloxía
- Arquitectura industrial
- Cronoloxía
- 1947
- Lugar
- A Estación
- Parroquia
- San Miguel de Catoira
- Concello
- Catoira
Eloy Domínguez Veiga nacera en 1881 en Camposancos (A Guarda), no seo dunha familia con actividade na construción e no comercio. Con quince anos marchara a traballar a Santo Domingo como empregado de comercio. Dous anos despois regresaba a Camposancos para traballar nun negocio de serra mecánica e fornos de cal que montara o seu irmán maior, Manuel, no Pasaxe de Camposancos, ao lado do serradoiro dos irmáns Candeira e a escasa distancia do dos irmáns París.
En 1905, con vinte e catro anos, Eloy marcharía para Valencia con Celestino Trigo Pérez para atender aos negocios do serradoiro familiar e aos da nova sociedade creada co seu irmán Manuel e con Celestino baixo o nome de Domínguez, Hermano y Trigo, dedicada á comercialización de azulexos, conservas vexetais e cítricos.
Despois dun ano en Londres, Eloy Domínguez regresa a Valencia coa idea de fabricar azulexos para incorporalos ás novas construcións. En 1912 Domínguez, Hermano y Trigo xa fabricaban azulexo na súa fábrica valenciana de Manises.
En 1915 a explosión da caldeira de vapor destruía o serradoiro de Camposancos, e os irmáns Domínguez abandonaban o negocio de serra, mantendo a actividade de almacenistas de madeiras. A Gran Guerra Europea (1914-1918) afectaría negativamente aos negocios e, no mes de abril de 1918, os socios decidían a disolución da compañía. Celestino Trigo dedicaríase á fabricación de conservas vexetais, mentres que os irmáns Domínguez seguirían coa fabricación de azulexos. Ámbalas dúas empresas situaríanse entre as máis importantes da rexión levantina nos anos previos á Guerra Civil (1936-1939).
Eloy mercaríalle en 1924 ao seu irmán Manuel a participación na fábrica de Manises e, xa como único propietario, comezaría a expansión na manufactura de azulexos: en 1925 mercaba unha fábrica en Onda (Castelló), en 1929 mercaba outra en Manises, e dúas máis en 1930, tamén en Manises. A expansión viña acompañada pola modernización do sistema produtivo, substituíndo as leñas por carbón, incorporando prensas semiautomáticas para a pasta de arxila e fornos de pasaxe que substituían aos tradicionais fornos árabes de cocción do azulexo xa esmaltado, aforrando tempo e combustible.
Contra 1930 Eloy Domínguez Veiga era un dos máis importantes empresarios do azulexo no estado, cunha produción de vinte e catro millóns de pezas e máis de cincocentos traballadores. Gran parte da produción exportábase a área do Caribe e sur dos Estados Unidos. Moitas vivendas de California, Florida, Cuba e México revestíanse cos azulexos das fábricas do empresario guardés. A expansión empresarial vai completarse en 1934 coa adquisición en San Vicent del Raspeig (Alacant) dunha fábrica de cerámica que dedicará á fabricación de tellas e ladrillos.
No mes de xullo de 1936 Eloy Domínguez estaba de vacacións na Guarda. O comezo da Guerra Civil (1936-1939) e a pronta aliñación do territorio galego cos rebeldes, fixo que quedara illado da súa empresa, con todos os seus centros produtivos situados na zona fiel á legalidade da República. O empresario intentaría retomar a produción en Galicia, mais a súa solicitude para arrendar en 1938 a fábrica Cerámicas La Caeyra non prosperaría. Rematada a guerra, Domínguez acometerá a recuperación das fábricas levantinas e decidirá establecer unha nova fábrica de cerámica en Galicia.
Coa axuda de Ramón Diéguez Carlés, o dono da Cerámica Celta de Pontecesures, terá en 1941 redactado o proxecto técnico para instalar en Catoira unha industria de fabricación de azulexos e pezas similares de pasta de porcelana. Solicitará tamén autorización para construír un embarcadoiro para o servizo da fábrica.
As dificultades da posguerra farán que non poda comezar a fabricación até o ano 1947, e que non poda rematar as instalacións fabrís até finais de 1949. Na cheminea figuraría a inscrición de 1950. A nova empresa xirará co nome Cerámica Domínguez del Noroeste, S.A. (CEDONOSA) e rexistrará a marca comercial Ely para comercializar os seus produtos. Ao mesmo tempo, Domínguez agrupará as súas fábricas levantinas baixo a razón social Cerámica Domínguez de Levante, S.A. (CEDOLESA).
Eloy Domínguez Veiga morrería no mes de xuño de 1959. O seu fillo maior, Manuel Domínguez López, vai quedar ao fronte da fábrica de Catoira, mentres os outros dous o farán nas fábricas levantinas, Eloy en Manises e Celestino en Onda. A fábrica de Catoira vai especializarse na fabricación de gres (pasta de caolín cocida até a vitrificación) para tubaxes, mosaicos e refractarios, malia que fabricará tamén ladrillo e tellas.
A forte demanda que arrancara no decenio de 1960 e medrara nas décadas seguintes, fará que se traslade a fabricación de material refractario para a industria cerámica e a industria siderúrxica a unha nova fábrica que se instala no polígono industrial de A Ran, en Cuntis. A finais dese mesmo decenio, a planta sería adquirida pola multinacional francesa Imerys Kiln Furniture (IKF).
No ano 2004 o grupo empresarial abre unha nova planta en Andorra (Teruel), baixo a razón social Ferrogrés, S.L., mais xa no mes de febreiro do 2009, arrastrada pola crise da construción, abandonaba a produción e despedía aos 28 empregados. A caída levaría tamén por diante a fábrica de Catoira, que despedía no mes de marzo, tamén do 2009, aos seus 85 empregados.
No mes de febreiro do ano 2010, a que fora a planta da empresa en Cuntis explotada desde finais do decenio de 1990 pola multinacional francesa Imerys Kiln Furniture (IKF), vai tamén pechar as súas instalacións, poñendo fin a historia de CEDONOSA en Galicia.
No verano do ano 2013 as propiedades de CEDONOSA en Catoira saen a poxa ou pública venda, non sendo adxudicados por falta de ofertas. Finalmente, no mes de xullo do ano 2017, os noventa mil metros cadrados da propiedade, con uns trinta e dous mil metros cadrados de superficie cuberta son adxudicados a empresa Urtain Líder.
Referencias
Ruta das telleiras e da cerámica do Baixo Ulla
Buxa (Asociación Galega do Patrimonio Industrial)
Laboratorio de Tecnoloxías Apropiadas
Fernández Palicio, A. As Telleiras de Valga e comarca e as fábricas de cerámica (1850-1965)
Protección
Non
Coordenadas (WGS84)
42.669651, -8.727343
Máis elementos do catálogo
Arquitectura industrial
Instalacións náuticas
Catoira, Santa Baia de Oeste
Arquitectura industrial
Mina Borreiro-Tixó
Catoira, Santa Baia de Oeste
Arquitectura industrial
Telleira de María Antonia
Catoira, San Miguel de Catoira