Saltar ao contido principal

Baldaquino de Cordeiro

Baldaquino de Cordeiro - Valga - Santa Comba de Cordeiro
Lugar
Beiro
Concello
Valga

Na parede dunha casa da aldea de Beiro (Cordeiro) atópase un panel procedente do único baldaquino do que se ten constancia en Valga e comarca, e que Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, fundada no ano 1894, comunicara que se atopaba desaparecido, sen que se coñecera o seu emprazamento orixinal. O Baldaquino de Cordeiro aparecía na separata exenta do quinto volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos titulada O baldaquino en Galicia denantes do arte barroco, dos autores Xosé Filgueira Valverde e Xosé R. Fernándes Oxea, impresa en xullo do ano 1930 na Editorial Nós. Segundo conta unha veciña, esta mesma vivenda “tiña un santo dos croques onde ían xogar os nenos e o propietario da casa cabreouse e tapiouno, e tamén quería facer o mesmo co baldaquino, pero a muller non lle deixou”.

Un baldaquino é unha construción relixiosa de pequeno tamaño destinada a protexer un altar, formada basicamente por catro columnas que sosteñen un elemento de cubrición, habitualmente unha cúpula ou un dosel. Os catro arcos ou linteis que pechan os laterais do baldaquino adoitan estar decorados por relevos, inscricións, escudos ou outros elementos decorativos. Esta estrutura básica pode estar modificada por diversas variantes, segundo a época, o estilo ou o material de construción. Entre todos os baldaquinos que permanecen armados en Galicia, destacan os destinados a acubillar os cruceiros de Santa María A Nova en Noia e o da Santísima Trindade en Baiona.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

P. Lameiro

Protección

Non

Coordenadas (WGS84)

42.694793, -8.686429

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo