Saltar ao contido principal

Igrexa de Santa Cristina de Campaña

Igrexa de Santa Cristina de Campaña - Valga - Santa Cristina de Campaña
Imaxe: José Antonio Gil Martínez
Cronoloxía
Século XII
Lugar
A Eirexe
Concello
Valga

Figura en varios documentos antigos, como na concesión que Xelmírez fai a favor do Convento de San Martiño Pinario en 1115 (Sanctam Christinam de Campania cum suis adjuntionibus), ou no testamento de 1131 que Odairo Afonso lega a favor do seu presbítero Pedro (Ad Petro, presbytero de Campania). A datación alto-medieval desta igrexa podería ter correspondencia con vestixios soterrados asociados a ela.

No 1115, o bispo Diego Xelmírez confirma a independencia e autoridade de San Martiño Pinario e Santa María da Corticela, o cobramento do terzo do dezmo do Xiro e posesión das igrexas, xunto coas súas rendas, vilas, coutos e vasalos de, entre outras parroquias, da de Santa Cristina de Campaña.

A igrexa parroquial de Campaña está formada por unha única nave sen cruceiro, de planta rectangular. Ábsida prismática e nave lateral de menor altura de época posterior, onde se sitúa a sancristía. A nave principal atópase dividida en tres treitos por dúas parellas de columnas e un arco triunfal de medio punto aberto no muro da nave con aresta vista sen moldura. A fachada conserva a portada románica abocinada de dobre arquivolta tórica e arco semicircular de billetes no exterior. No cemiterio atopamos unha cruz feita dun só bloque granítico e un cruceiro do século XX.

Na década dos noventa do século pasado, durante unha treboada, o antigo campanario situado na parte superior do templo, resultou destruído debido a un lóstrego que caeu sobre as campás do mesmo. O campanario foi reconstruído, situándose o novo separado da igrexa, nunha torre de planta rectangular.

Nunhas reformas ás que foi sometida o templo, ao retirar un retablo que se erguía obre o antigo cabeceiro da ábsida, descubríronse unhas pinturas góticas. Ao estar ocultas, sufriron moita humidade, mais a pesar disto, consérvanse bastante ben. Teñen un gran interese polo tamaño das mesmas e a proporcionalidade das figuras, reflexando fielmente o xeito de traballar os artesáns pictóricos entre os séculos XV-XVI en Galicia. Destaca a pintura da Anunciación, obra moi ben terminada segundo os técnicos, presidida polo Pantocrátor na súa parte superior.

No ano 2010, fíxose entrega dunha reliquia de Santa Cristina de Bolena á parroquia de Campaña, traída desde Italia.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga, aprobado o 15 de outubro do 2010 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

O camiño esquecido

Val de Valga - Un vistazo al paraíso

Protección

PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-01: GA36056010)

PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-101)

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Coordenadas (WGS84)

42.711657, -8.668430

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo