Saltar ao contido principal

Castro da Roda

Castro da Roda - Valga - San Salvador de Setecoros
Outras denominacións
Roda do Castro ou Castro das Cernadas
Tipoloxía
Arqueoloxía
Cronoloxía
Idade do Ferro
Lugar
Cernadas
Concello
Valga

O castro presenta un dobre recinto central, conformado a dous niveis (a separación entre a parte superior ou croa principal e o segundo nivel soluciónase cun pequeno terraplén), defendido en todo o seu perímetro por un alto e potente terraplén. Cara o interior do recinto superior ou croa principal, pode observarse a existencia de parte dun pequeno parapeto (1 metro de altura aproximadamente), visible na parte sueste deste recinto superior. O segundo recinto, nun nivel un tanto máis baixo, esténdese por toda a metade norte do asentamento. En conxunto, este dobre recinto central presenta unha forma tendente á ovalada, en sentido leste-nordeste e oeste-suroeste. O terraplén que bordea e defende este conxunto, moi elevado, chega a acadar uns 10 metros de alto, mantendo esta altura de xeito bastante regular en todo o seu perímetro. A esta conformación de dobre recinto central máis terraplén, engádese polo sector sueste, unha pequena terraza, conservada só en parte, xa que na zona sur aparece interrompida polas modificacións feitas para unha plantación de piñeiros e polo transcurso da antiga N-550, que actúa como desvío da estrada actual.

É a parte norte-noroeste do castro a que presenta unha maior complexidade defensiva. Así, aparece aquí un foxo, duns 5 metros de anchura a escasa profundidade na actualidade, que probablemente fose colmatado). Despois desta liña de foxo, na parte noroeste aparece unha especie de farallón térreo, con forma máis ou menos triangular, que podería interpretarse como un reforzo do sistema defensivo do castro.

A liña de foxo aparece interrompida pola actual N-550, que o corta transversalmente. A continuación deste foxo, coincide cunha pista de terra, situada na beira oeste da estrada. Agás neste sector setentrional, onde o castro ve incrementado o seu sistema defensivo cos elementos arriba descritos, en todo o perímetro restante do xacemento, as defensas parecen que se reducirían ao terraplén que bordea todo o recinto central, ao que se uniría a propia pendente natural do terreo, en caída até o río, que bordea a maior parte do asentamento.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga, aprobado o 15 de outubro do 2010 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Protección

PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-11: GA36056002)

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Coordenadas (WGS84)

42.663143, -8.636172

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo