- Tipoloxía
- Elementos relixiosos
- Lugar
- Iñobre
- Parroquia
- San Salvador de Taragoña
- Concello
- Rianxo
Cruceiro de granito situado nun cruce sobre o camiño principal que baixa á Capela de San Xoán Bautista de Vista Real, da tipoloxía de capeliña.
Plataforma composta por dúas ringleiras de chanzos, aínda que no ano 1970 retiráronselle os tres chanzos inferiores do levante e do sur. O seu varal é cadrado con chafráns, a capela ten sinxela ornamentación: un querubín na súa base e a Virxe das Neves orante (de cor máis clara) no interior da capela. A capela é lisa , coa base troncopiramidal invertida, o tellado a catro augas e o teito plano. Enriba dela o crucifixo ou Santo-Cristo, coa imaxe de Xesús crucificado no seu anverso con tres cravos. Inclina a cabeza cara á dereita e ten as mans abertas. Ten coroa de espiñas, nimbo crucífero, pano de pureza sen nós e cartela (coa inscrición INRI). A cruz é cadrada con chafráns nos brazos. Todo el tallado en granito.
O seu acceso estaba permitido até finais da década dos noventa. Nos anos 1996-97 a capela tiña unha porta de vidro e madeira; a devoción dunha veciña desta aldea. Até o ano 1970 atopábase no dominio público, valado cun muro de pedra por detrás. Foi nese ano cando, para anchear o camiño, retiráronselle os tres chanzos inferiores e máis cando foi ”apropiado indevidamente” por un particular, que o pechou con arames e que aínda os conserva. Está orientado ao sur. A xente aínda se segue persignando ao pasaren por diante del. Noutrora, nos seus chanzos adoitaban enredaren os rapaces, mocear as parellas e os vellos tomar o sol sentados neles. Tamén era o sitio onde se xuntaba a veciñanza para xogar ás cartas (xeralmente á brisca).
No ano 1997 edificaron un garaxe a rentes del. Os veciños de Iñobre denunciaron o caso (uns anos mais tarde) na Dirección Xeral do Patrimonio onde arquivaron o caso; até que este prescribiu.
Referencias
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo - Aprobación inicial de maio 2014
Protección
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo (C-093)
Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
Decreto 571/1963, de 14 de marzo, sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico
Coordenadas (WGS84)
42.670617, -8.824377
Máis elementos do catálogo
Elementos relixiososCruz de Burés
Rianxo, Santa María de Asados
Elementos relixiososCruceiro dos Calotes
Rianxo, Santa Baia do Araño
Elementos relixiososCruceiro do rego de Chenlo
Rianxo, San Salvador de Taragoña