Saltar ao contido principal

Ponte de Cesures

Ponte de Cesures - Pontecesures - Padrón
Tipoloxía
Obra civil
Cronoloxía
Época Romana
Lugar
Pontecesures e A Ponte
Concello
Pontecesures

Os seus precedentes puideron ser romanos, posto que Cesures era o porto de Iria Flavia (restos de madeira petrificados e ben conservados foron atopados en 1959 na zona do porto). Este suposto pasado romano atópase nos textos do xeógrafo árabe Al-Idrisi (século IX) que fala dunha gran ponte de cinco arcos “tan altos que pode pasar unha nave se abater os paus”.

A orixe romana da ponte puidera confirmarse cos xacementos arqueolóxicos atopados nas súas inmediacións, nas que se atoparon os restos dun peirao romano, algo inusual, así como miliarios e lapidas adicadas a un deus Lar. O lugar foi un dos portos medievais de Galicia cara a ría de Arousa a través do río Ulla, na que a presenza das Torres de Oeste denota a importancia que esta ruta cara Compostela chegou a ter. Segundo López Ferreiro, na súa Historia Compostelana, Cesures, protexida de Augusto, non tardaría en ver construídas as vías que a ían poñer en comunicación coas principais cidades da Hispania romana e, así mesmo coa capital do Imperio, a través da vía militar romana Número XIX.

Feita en cantaría de granito, consta de 13 arcos de medio punto rebaixados, con tallamares e peitorís. A ponte sufriu importante reformas ao longo da súa historia (no século XII e nos anos 1790, 1911 e 1956). A primeira atribúeselle, aínda que sen ter a certeza de ser isto real, ao Mestre Mateo (1161). En 1790 o Arcebispo Malvar ordena a construción da estrada Santiago-Caldas de Reis, encargándolle as obras a M. De Ricoi (o proxecto era do enxeñeiro F. Gaver e, máis tarde, do arquitecto Pérez Machado). Esta obra non só vai supoñer a reforma da ponte, senón que vai a constituír a pedra angular da trama urbana de Cesures até a actualidade. A ponte volveu a reformarse en 1911, substituíndo o muro de pedra por unha balaustrada metálica. En 1956 refórzanse os trece arcos, ensánchase e formigonando a calzada.

Destas tres primeiras datas serían os seus arcos, principalmente do século XVIII, segundo se intúe polas súas formas, mais algúns deles procedería do propio século XII, xa que a súa forma semella bastante a das pontes medievais coma a do Burgo entre os concellos de Cambre e Culleredo.

Tristemente este lugar destacaba ademais por conservar un dos pasos asocalcados históricos de Galicia sobre o esteiro do Ulla, que se estendía máis de cinco quilómetros desde Pontecesures até Iria. Ao redor del asentábanse vivendas do século XIX, creando unha das paisaxes lineais máis fermosas de toda Galicia, perdida coa construción de edificios e obras nada apropiadas en tempos máis recentes. Por riba dela pasa diariamente un tráfico diario de decenas de miles de vehículos, non só transporte lixeiro senón tamén camións de gran tonelaxe.

Explica Fernando Cabeza Quiles que, segundo o Catastro de Ensenada (ano 1752), na actual ponte interprovincial de Pontecesures-Padrón sobre o río Ulla cobrábase un portádego, taxa, imposto ou tributo, que antigamente había que satisfacer nas portas das cidades amuralladas e noutros sitios de paso obrigado, como son as pontes. Na que nos ocupa gravábase o paso de mercadorías da seguinte maneira: "Quatro maravedís por cada cavallería, un real por cada carro cargado de géneros, por cada carro de leña quattro mrs, por cada carnero o cerdo ottros quattro mrs, a escepción de los días de domingo que son ferias francas [libres de impostos, supoñemos que sería a gran feira de Padrón]".

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Pontecesures, aprobado o 27 de xuño de 2003

Patrimonio Galego

Historia de Galicia

Fernando Cabeza Quiles

Fernando Cabeza Quiles

Protección

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Pontecesures (PO K)

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Coordenadas (WGS84)

42.725532, -8.654681

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo