- Tipoloxía
- Arquitectura industrial
- Cronoloxía
- 1882
- Lugar
- Rúa de San Lois
- Parroquia
- San Xulián de Requeixo
- Concello
- Pontecesures
Segundo se conta na web de Buxa (Asociación Galega do Patrimonio Industrial), a primeira elaboración de gasosas en Galicia fixérase en Santiago en 1874, tal vez naquel restaurante que inaugurara na compostelá rúa das Orfas o suízo Antonio Mengotti, como outros compatriotas fuxido do Cantón dos Grisones na procura dunha vida mellor. Dous anos máis tarde, abríase na rúa Nova o Café Suízo, no que os Mengotti tamén ofrecerían a novidosa gasosa.
En 1882, o aristócrata Ángel Zabala de Borines, nado en 1855 en Cangas do Morrazo, funda unha fábrica de refrescos en Pontecesures, Gaseosas Zabala, o Almacén de Coloniais, Ultramarinos Zabala e a primeira liña de autocares Pontecesures-Padrón.
En aqueles anos, Pontecesures era xa un referente industrial e comercial no norte da provincia de Pontevedra, grazas ao seu emprazamento privilexiado convértese nun importante nó de comunicacións, así como o feito de dispor dun activo porto fluvial próximo á estación do ferrocarril, pertencente á primeira liña de ferrocarrís de Galicia.
En aquel vibrante e industrial entorno, Zabala erixe a fábrica de gasosas, nunha finca da súa propiedade, no Camiño de San Xulián, e na que existían uns mananciais de auga coñecidos pola súa gran calidade, do que se conserva a Fonte de Zabala.
O espírito emprendedor de Zabala e o seu ímpeto industrial fan que Gaseosas Zabala se faga un referente na ría de Arousa. En 1890, a fábrica declaraba unha produción aproximada de 300 litros de gasosa á hora, chegando en 1930 a posuír expenderías en lugares como Santiago de Compostela, Lalín, Santa Comba, Rois, Rianxo, Pobra do Caramiñal, Ribeira e A Estrada.
En 1901 Gabriel Buceta poría en funcionamento a segunda fábrica de gasosas de Pontecesures. Traspasada en 1905 a José Sierra, en 1907 pasaría a ser xestionada pola taberneira Rosa Braña, que comercializaría o produto co nome de Gaseosas Braña. Serían despois moitos os pequenos negocios que xurdirían por toda Galicia ao abeiro das melloras técnicas que simplificaban os procesos e abarataban os custos.
No decenio de 1960, entre Cesures e Sanxenxo chegarían a contarse na península do Salnés até catorce fábricas de gasosas. Naqueles tempos aínda se contaban por miles as marcas espalladas por España adiante, marcas locais e de elaboración artesanal que desde os comezos da década de 1950 estaban a sufrir a expansión e a competencia das tres primeiras grandes marcas estatais, as madrileñas La Casera (1949) e La Revoltosa (1951) e a valisoletana La Pitusa (1957).
Referencias
Protección
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Pontecesures (PO 19)
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
Coordenadas (WGS84)
42.720355, -8.652332
Máis elementos do catálogo
Arquitectura industrial
Mina Cristina
Pontecesures, San Xulián de Requeixo
Arquitectura industrial
Cerámica Artística Gallega
Pontecesures, San Xulián de Requeixo
Arquitectura industrial
Cerámica Celta
Pontecesures, San Xulián de Requeixo