- Tipoloxía
- Arquitectura industrial
- Cronoloxía
- 1925
- Lugar
- O Cantiño
- Parroquia
- San Xulián de Requeixo
- Concello
- Pontecesures
O pequeno obradoiro localízase na ribeira esquerda do esteiro do río Ulla en San Xulián de Pontecesures, no lugar coñecido como O Cantiño, a carón da vía do ferrocarril, no camiño que vai da Ponte de Cesures a Cortiñas.
En 1925, apenas dous anos despois de ter aberto a Cerámica de Campaña, o empresario Eugenio Escuredo Lastra, home emprendedor e inquieto, porá en funcionamento no lugar do Cantiño, unha área tradicionalmente anegada polas cheas do Ulla, no camiño de San Xulián, en Pontecesures, un obradoiro de cerámica artística inspirado no modelo que coñecera en Sargadelos e ao que chamará Cerámica Artística Gallega.
Para levar o obradoiro, Escuredo contrataría a un artesán portugués de Brancelos e entraría en contacto co artista Francisco Asorey en Compostela, quen realizará os deseños dos primeiros moldes que saíron da cerámica: “O tesouro”, o “Pórtico da Gloria”, a ”Naiciña”, o ”Sepulcro do Apóstol” e outras pezas fabricadas coa imaxe de Galicia. Todas as pezas serían deseñadas xunto a Víctor García García-Lozano e Oria Moreno, esta última encargada do coloreado e retocado das pezas no taller.
Aínda que chegara a vender a produción en Inglaterra e, sobre todo, en Cuba e Arxentina, a calidade do barro empregado era baixa para tal tipo de cerámica e pronto terá dificultades, polo que Escuredo abandonará a experiencia e, xa no 1927, venderá os moldes das figuras ao industrial Ramón Diéguez Carlés, quen trasladará a produción do obradoiro de cerámica ás instalacións que tiña na fábrica Caleras del Ulla e fundará alí a Cerámica Celta nese mesmo ano.
Malia que o obradoiro artístico creado por Escuredo funcionará apenas dous anos, entre 1925 e 1927, será a semente e xerme da Cerámica Celta, importantísima iniciativa empresarial e artística que, ao dicir de Xosé Filgueira Valverde, foi “un chanzo intermedio entre a antiga e a nova industria de Sargadelos”, entre Raimundo Ibáñez e Luis Seoane, unha experiencia única, onde converxeron unha clase empresarial ilustrada, cunha vehemente aposta pola industria de calidade ligada a artesanía, e un grupo de artistas renovadores da arte galega, atraídos por este clima favorable.
Referencias
Ruta das telleiras e da cerámica do Baixo Ulla
Buxa (Asociación Galega do Patrimonio Industrial)
Laboratorio de Tecnoloxías Apropiadas
Fernández Palicio, A. As Telleiras de Valga e comarca e as fábricas de cerámica (1850-1965)
Protección
Non
Coordenadas (WGS84)
42.725939, -8.651237
Máis elementos do catálogo
Arquitectura industrial
Cerería Diéguez
Pontecesures, San Xulián de Requeixo
Arquitectura industrial
Cerámica Celta
Pontecesures, San Xulián de Requeixo
Arquitectura industrial
Caleras del Ulla
Pontecesures, San Xulián de Requeixo