- Tipoloxía
- Arquitectura relixiosa
- Cronoloxía
- Século IX
- Lugar
- Cantón da Igrexa
- Parroquia
- Santiago de Padrón
- Concello
- Padrón
De estilo neoclásico sobrio, substitúe a unha igrexa mandada construír polo Bispo Teodomiro no século IX, á outra fundada polo Arcebispo Xelmírez no ano 1133 e á refundada por Lope de Mendoza no século XV, de estilo gótico. Sufriu diferentes reformas, sendo a última do ano 1867.
No seu interior acolle ao Pedrón, unha pedra que ben sendo o elemento máis xacobeo de toda a vila e que, segundo a tradición, foi amarrada a barca que traía os restos do Apóstolo Santiago, xunto cos seus discípulos Teodoro e Atanasio, desde Palestina até as Terras de Iria. Realmente podería tratarse formalmente dunha ara romana dedicada ao deus Neptuno.
A principios da Idade Media, o Pedrón foi usado como base para o altar da orixinaria igrexa na honra a Santiago. O Bispo Teodomiro, descubridor do sepulcro de Santiago, mandouna levantar no século IX.
O edificio presenta tres naves sen cruceiro. A separación das naves con columnas nucleando pilastras toscanas nas que descansan os arcos de medio punto. No muro lateral leste ten unha portalada e a fachada alberga unha porta coroada por un frontón triangular e, á súa vez, o conxunto está enmarcado por dous pares de columnas xónicas que sosteñen outro frontón partido. Flanqueando aos lados da fachada, dúas torres campanarios xemelgas, unha a cada lado, cuadrangulares, formado por catro machóns unidos por arcos de medio punto onde levan as campás, rematadas cunha cornixa e unha cupuliña. Só a torre campanario da dereita, mirándoa de fronte, leva campás.
No interior pódese ver unha inscrición sobre unha pedra que lembra o templo levantado polo Arcebispo Xelmírez en 1133. Esta di o seguinte: “Diego, prelado da igrexa compostelá, reedificouna na era de 1171”. Ao lado do altar maior, existe un púlpito dunha soa pedra, cunha fermosa imaxe de Santiago Peregrino, do século XV, pertencente ao templo gótico que mandou edificar Lope de Mendoza.
Nos diferentes altares e paredes da igrexa podemos ver diferentes elementos da tradición xacobea e do Apóstolo Santiago:
– Santiago, sobre o seu cabalo branco, nun dos altares.
– Talla do século XVII de Santiago Peregrino, atribuída a José Gambino, coñecida como O Parrandero, que o 25 de xullo é levada en procesión a ombreiros dos mozos da vila até a Ermida do Santiaguiño do Monte.
– Dous altorrelevos de madeira pertencentes ao retablo da Ermida do Santiaguiño do Monte. Un representando a traslatio e outro ao Apóstolo Santiago bautizando á Raíña Lupa.
– Dous óleos do século XVIII pertencentes ao Cabido de Iria, restaurados en 2003, nos que se representa a traslatio e a aparición da Virxe ao Apóstolo Santiago, tal e como aparece no escudo propio cabido.
Referencias
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Padrón, aprobado o 27 de xullo de 1994
Protección
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Padrón (1)
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
Coordenadas (WGS84)
42.739210, -8.661586
Máis elementos do catálogo
Arquitectura relixiosa
Igrexa de Santo Antonio de Herbón
Padrón, Santa María de Herbón
Arquitectura relixiosa
Capela da Piedade
Padrón, Santa María de Herbón
Arquitectura relixiosa
Igrexa de Santa María de Cruces
Padrón, Santa María de Cruces