Saltar ao contido principal

Xardín da Fundación Paideia

Xardín da Fundación Paideia - Padrón - Santa María de Cruces
Imaxe: Santiago Turismo
Tipoloxía
Arquitectura civil
Cronoloxía
2007
Lugar
A Escravitude
Concello
Padrón

Antigamente pertencía a unha das capelanías do Santuario da Escravitude. Foi rehabilitado pola Fundación Paideia no ano 2007.

Este xardín conta cun grande interese didáctico e cultural, xa que por unha parte constitúe unha proba de como se poden aproveitar os espazos pedregosos, con pendentes pronunciadas e escaso solo, como áreas de esparexemento, e por outra permite coñecer plantas pouco habituais nos xardíns galegos.

A práctica totalidade das plantas que hai neste xardín son variedades obtidas por melloradores vexetais a partir de especies que medran de xeito silvestre en diferentes países do mundo. Os métodos empregados con máis frecuencia para conseguir estas variedades foron procesos de selección, é dicir, escoller e propagar os exemplares que destaquen por algún carácter particular, como por exemplo colores de follas rechamantes (o pradairo de follas púrpuras, as coníferas de follas amarelas, os breixos de brotes laranxas...), formas de crecemento pouco habituais (as coníferas ananas ou con forma de bóla) ou polas súas flores grandes e vistosas (magnolios). Tamén hai variedades resultantes de hibridacións naturais ou provocadas, como son algúns breixos, os tomiños de cheiro a limón, as azaleas e rododendros, a cerdeira de pólas colgantes, o olmo híbrido holandés...

Neste xardín cultívanse arredor de 170 variedades diferentes, a maioría arbustivas. Chama a atención a elevada diversidade de breixos, con preto de 40 variedades, xa que os breixos, a pesar de ser importantes compoñentes da paisaxe natural galega, en Galicia, non soen estar presentes nos xardíns, a diferenza do que ocorre noutros países europeos, como Gran Bretaña, Irlanda ou Alemaña.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Fundación Paideia Galiza

Galician Garden

Protección

Non

Coordenadas (WGS84)

42.784052, -8.648905

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo