- Outras denominacións
- Devesa do Souto de Fondo da Vila
- Tipoloxía
- Arquitectura civil
- Lugar
- O Souto
- Parroquia
- Santiago de Padrón
- Concello
- Padrón
Desde a Idade Media celébrase o mercado, onde se vendían e venden todo tipo de mercadorías. Este espazo estaba reservado para o mercado de vacún, mular e cabalar. O mercado de porcos foi traladado á Porta do Reloxo por cuestións de salubridade e polas queixas veciñais. En 1609, Jerónimo del Hoyo, cardeal de Compostela, escribiu sobre as feiras de gando que se celebraban durante a Pascua: “chegando a elas todo xénero de mercadorías, e gandos, que ían mercar mercadores casteláns e portugueses, para a provisión das súas terras”. Este espazo orixinariamente era de pavimento de terra e cun gran número de árbores, principalmente carballos (Quercus robur) e plátanos de sombra (Platanus x hispanica).
Segundo conta Fernando Cabeza Quiles, antigamente chamábase A Devesa de Fondo de Vila e O Souto dos Pelamios. A primeira denominación débese a que o souto ou a devesa estaba (e segue a estar, aínda que moi diminuída de árbores) a carón do barrio padronés de Fondo de Vila, así chamado por atoparse no fondo ou no extremo sur da vila de Padrón, hoxe o lugar máis dinámico da poboación. En canto á nomeada O Souto dos Pelamios, fai referencia a unha especie de furados con auga e cal que había no souto, onde os antigos zapateiros padroneses lle sacaban o pelo ás peles dos animais e as rascaban pola parte da carne para preparar os coiros con que traballaban. Así, o número 25 das ordenanzas da vila de Padrón do ano 1604 manda que estes pequenos pelamios circulares estivesen tapados cunhas tapas ou "caniços" de madeira (nun principio serían de cana) "de ,manera que los niños, ni puercos ni otro ganado no muera ni caya en ellos".
Fernando Cabeza Quiles tamén fai referencia á importancia que tivo a feira de gando que se celebraba pola Pascua (aínda que de maneira distinta, segue) no Campo do Souto padronés xa fala o cardeal Jerónimo del Hoyo no ano 1607, cando, referíndose á vila coruñesa de Padrón, escribe: "Hay en el [no citado Campo do Souto] cada año cinco ferias, las mejores del Reyno. Vienen a ellas todo género de mercaderías de ganados, que vienen a comprar mercaderes castellanos y portugueses para proviçión de sus tierras. La primera es por Pascuas de Flores [pascoa florida] y dura tres días [o Catastro de Ensenada no ano 1752 di que se celebraba 'por espacio de quattro días']". A gran rendibilidade que debía producir esta importantísima feira suscitou a envexa do concello de Santiago que quixo, aproveitándose das históricas enchentes do río Sar, apropiarse dela, pedindo o seu traslado para Compostela. Así por un curioso e significativo documento do ano 1804 do Arquivo Municipal de Santiago, publicado e comentado no seu día por P. Pérez Costanti, sabemos que o concello santiagués lle dirixiu un escrito ao rei Fernando VII para que, co pretexto de que a produtiva feira de gando da Pascua padronesa do Souto sufrira algunha inundación con motivo do desbordamento do río Sar, a cambiase para Santiago de Compostela, dirixíndose ao monarca cun efectista, arteiro e ben estudado escrito que, entre outras cousas, dicía: "Los vecinos bien acostumbrados a semejantes escenas [con motivo das inundiaciós ou cheas] salvaron sus efectos en lo alto de sus pequeñas casas, a donde hacen subir en tales ocasiones sus mismos cerdos y caballerías [...] y a pesar de los más peligrosos y desesperados esfuerzos, vieron averiados sus géneros y el campo cubierto de cadáveres de animales [sería certo?], en cuyas ruinosas pérdidas toco buena parte a la Real Hacienda". Vese que os moi arteiros picheleiros quixeron tocarlle a fibra sensible á facenda real, que debía recibir importantes impostos e taxas do movemento económico que xeraba a feira. Nin que dicir ten que, malia o raposeiro intento picheleiro, a feira de Pascua non se cambiou de sitio.
Referencias
Protección
Non
Coordenadas (WGS84)
42.736120, -8.660976
Máis elementos do catálogo
Arquitectura civil
Estación da Escravitude
Padrón, Santa María de Cruces
Arquitectura civil
Antigo cárcere de Padrón
Padrón, Santiago de Padrón
Arquitectura civil
Escola de Arretén
Padrón, Santa María de Iria Flavia