Saltar ao contido principal

Hórreo de Reboiras

Hórreo de Reboiras - Dodro - San Xián de Laíño
Imaxe: Dubardu Hughes
Tipoloxía
Hórreos
Lugar
Reboiras
Concello
Dodro

No lugar coñecido como O Outeiro, na entrada sur de Reboiras, ao pé dunha pista asfaltada.

Fermoso exemplar de hórreo mixto con reloxo de sol e decoración insculpida nos dous pinches. A cimentación é unha repisa moi alta de perpiaño e cachotes de granito con argamasa, duns 3 metros de alto. Non ten soportes, asentando o tornarratos, peza corrida ao longo de todo o corpo do hórreo, directamente sobre a repisa. Ten dous claros, con balaústres de madeira e dúas cintas, estando a madeira en moi mal estado, non conservándose xa en dous claros no lateral oeste. Non ten linteis. Columnas e cornixa de pedra. Penal dianteiro de pedra con porta de madeira, rematando o van da porta en arco, e penal traseiro tamén de pedra con oito fendas de ventilación horizontais. Sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra. Os dous pinches presentan decoración: no pinche dianteiro é visible, en relevo, un motivo floral inscrito en dous círculos; no pinche traseiro vese un círculo en relevo co interior escavado e no interior un pequeno orificio de aireación. Cubrición de tella do país na metade sur, en moi mal estado, e de uralita sobre madeiros na metade norte. Remates: cruz latina alta florenzada con botón central e ángulos en chafrán; e reloxo de sol na parte traseira, cuadrangular con remate na parte superior semicircular. O reloxo non conserva o gnomon, mais aínda son visibles a liñas horarias. Orientado ao N.

No 2010,  di unha das súas propietarias que é moi antigo, máis de cen anos.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 123)

Reloxos de sol de Galicia

Protección

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia

Coordenadas (WGS84)

42.717296, -8.702325

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo