Saltar ao contido principal

Cruceiro da Igrexa de San Xián de Laíño

Cruceiro da Igrexa de San Xián de Laíño - Dodro - San Xián de Laíño
Imaxe: Cruceiros de Galicia
Lugar
A Igrexa
Concello
Dodro

Cruceiro construído en granito do tipo de crucifixo, situado no campo da festa, ao carón da Igrexa de San Xián de Laíño. Único exemplar de Dodro dotado de pousadoiro ou mesa para os mortos. Unicamente o cruceiro que se levanta no actual cemiterio parroquial de San Xián de Laíño ten tamén mesa, aínda que a factura deste conxunto é moi recente. A mesa do cruceiro disponse diante do seu anverso e componse de tres bloques graníticos (unha tampa e dúas peañas).

Mide 2,67 metros na base, 0,07 o fuste e unha altura total de 5. O baseamento é sobre catro gradas cuadrangulares, a primeira enterrada. O pedestal é cuadrangular, remata con chafráns, con recadros inscritos en cada unha das caras. O varal é de sección cadrada en inicio, con paramentos recadrados e octogonal no resto. O capitel é cilíndrico, con astrágalo circular liso, ábaco con lados curvos e vértices chafranados, con volutas,   flores, tres imaxes e cáliz. A cruz é de sección cuadrangular con brazos con chafráns e remates florenzados con botón central. No anverso da cruz ten un Cristo crucificado con tres cravos, inclinando a cabeza cara a dereita, coas mans abertas, con coroa de espiñas, pano de pureza anoado á esquerda, INRI (pergamiño), San Francisco abrazándoo e o Cristo mirando ao Santo. No reverso da cruz hai unha Virxe co neno sobre peaña con anxos corándoa.

Ten máis de 100 anos. A cruz orixinal está na casa reitoral de San Xián de Laíño e, en tempos, este conxunto estivo no Camiño da Banda, en Tarrío. O seu uso é devocionario (ofrendas) e actividades relixiosas, sendo parada na procesión do Santísimo.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Traballo de inventariado feito por Beatríz Pereiras en 2010

Sendeiros de Dodro

Cruceiros de Galicia

Protección

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro (CR-11)

Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Decreto 571/1963, de 14 de marzo, sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico

Coordenadas (WGS84)

42.724775, -8.713894

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo