Saltar ao contido principal

Cine Rañó

Cine Rañó - Catoira - Santa Baia de Oeste
Imaxe: haiqueterghanas.blogspot.com
Tipoloxía
Arquitectura civil
Cronoloxía
1957
Lugar
A Estación
Concello
Catoira

O edificio, de estilo ecléctico, unicamente conserva a fachada en pé. Levantada en granito de boa calidade, a súa fronte presenta unha serie de ocos regulares organizados en rúas verticais e horizontais: no eixo un conxunto de tres ocos agrupados con protagonismo do central (alintelados no andar primeiro e baixo arco de medio punto arriba), e un par de vans organizados verticalmente nos extremos. Coroa o inmoble un acroterio de deseño simple que sitúa un óculo central no centro da composición. O inmoble co que fai medianeira, reproduce unha parte do deseño da fachada do cinema.

O edificio é obra do arquitecto de Meis Robustiano Fernández Cochón "Tano", sendo inaugurado o 20 de marzo de 1957. Este mesmo arquitecto foi o responsable de facer os proxectos do Cine Malvar en Pontevedra, o Cine Cervantes en Vilagarcía de Arousa, o Cine Colón en Forcarei, o Cine Changüy en Soutelo de Montes, a escalinata da Ermida dos Milagres de Amil (Moraña), o Templo Novo de Marín, o Bar-Salón de Té da Praia Compostela de Vilagarcía de Arousa, os Grupos Escolares de Meis e Portas, o Instituto Provincial de Hixiene, entre outras. Caracteriza a súa obra a busca dunha arquitectura civil en consonancia co rexionalismo galego da época.

O Cine Rañó posuía un aforo de 200 butacas. O seu propietario era don José María Rañó e a primeira película proxectada neste cine foi "El Hijo de la Furia". O encargado de proxectar as cintas esa Suso de Emilio quen, con posterioridade, sería substituído por un familiar seu, O Carrandán. O proxector era da marca Superson e o técnico era un vilagarcián chamado Charlín. As entradas eran vendidas por José Guillán, dona Fina (a dona do propietario) e a súa filla, Elvirita.

Naqueles tempos, xunto co campo de fútbol das Lombas, o cine era unhas das poucas actividades de lecer dos veciños. O Cine Rañó enchíase, sobre todo, polo Nadal e San Xosé. Algunhas anécdotas relacionadas co cine son as seguintes.

- Unha veciña era a primeira vez que entraba nun cine, e estando xa pasando o NODO, e polo tanto estaban a escuras, o seu marido preguntoulle que facía tocando a parede, e ela contestoulle que estaba buscando a pía de auga bendita.

- Noutra ocasión prendeu lume na película, e o mozo que estaba alí de axudante saltou pola ventá para non queimarse.

- Era habitual que houbese caídas da tensión eléctrica e, como consecuencia, a pantalla quedaba sen imaxe e a xente protestaba asubiando.

O 9 de marzo de 1961 a Compañía de Teatro Airiños de Rianxo representou a obra “A fiestra valdeira”, de Rafael Dieste. O cura de Isorna Faustino Rey Romero, que estaba inhabilitado para dar misa, colaborou na posta en escena e recitaba poemas antes da posta en escena. O Delegado de Turismo multounos con mil pesetas por non ter autorización e ao dono do cine pecháronlle o local varios meses. Aínda sen permiso, pese a ter solicitado autorización en Pontevedra ao representante do Goberno Civil, arriscáronse e ofreceron a obra en Catoira. O franquismo foi implacable multándoos.

O cine tivo pouca vida e foi pechado o 20 de maio de 1975, sendo propietario don José María Vázquez, médico de Catoira.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Catoira - Aprobación inicial de 2012

Entre lusco e fusco

La Voz de Galicia

Cristina Conde Escaloni

Protección

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Catoira (A_018) - Aprobación inicial de 2012

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Coordenadas (WGS84)

42.671918, -8.724931

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo