- Tipoloxía
- Elementos relixiosos
- Cronoloxía
- 1830
- Lugar
- O Pedroso
- Parroquia
- San Xens de Bamio
- Concello
- Vilagarcía de Arousa
Este cruceiro érguese sobre unha grande laxe, na cal se constrúe o baseamento de planta cuadrangular composto por tres chanzos, sobre os cales se levanta un pedestal cuadrangular que ten a metade superior formada dunha nocela con molduras. Nas partes rectangulares do pedestal, consérvase unha inscrición na que se pode ler “AÑO DE 1830 / ES DEvOCIONDE AG / VSTIN I GRABIE / ELA RAMOS HERM [an] / OS”, inscrición que ven indicar que o cruceiro foi mandado construír por dous irmáns (Agustín e Gabriela).
O fuste desta construción é de sección cuadrangular no seu inicio para posteriormente pasar a sección octogonal, rematando novamente en sección cuadrangular. Débese mencionar o feito de que o fuste é un engadido novo, xa que a vara orixinal partiu cando se moveu o cruceiro do seu emprazamento orixinal. O capitel continúa a composición cunha sección cuadrangular, cunha decoración de formas vexetais na parte baixa conformada por follas nas que incluso se poden apreciar perfectamente os seus nervios. Nas esquinas da parte superior, ten volutas angulares e no medio delas, aparece a representación dunha cabeza que ten sobre ela un medallón cunha cruz.
O conxunto está rematado por unha cruz de sección circular con nós imitando ás pólas cortadas dunha árbore, posuíndo representacións nas dúas caras. No anverso aparece representado Cristo crucificado (en dirección ao mar-oeste), unha figura de tres cravos (o seu pé dereito colocase sobre o esquerdo para poder colocar un único cravo nestas extremidades). A imaxe caracterízase por inclinar a súa cabeza cara adiante (hai que facer mención á coroa de espiñas que descansa sobre a súa fronte) e levar o pano de pureza (perizoma) atado na parte dereita. Como é común neste tipo de imaxes, sobre a súa cabeza leva unha cartela coa inscrición INRI. No reverso aparece representada a figura da Virxe das Dores (en dirección leste), erguida sobre un pedestal coa imaxe dun querubín. A Virxe caracterízase por ter unhas formas moi redondeadas nas que apenas se distingue a súa anatomía, destacando a posición das súas mans sobre o peito, en acto de rezo. O máis salientable desta representación da Virxe é que ten un puñal metálico cravado no peito.
Referencias
Marín Martínez, X. R. e González Pérez, C. Cruces e cruceiros antigos de Vilagarcía de Arousa. Editorial Galaxia, 2003
Protección
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vilagarcía de Arousa (48 PHA)
Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
Decreto 571/1963, de 14 de marzo, sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico
Coordenadas (WGS84)
42.637364, -8.745974
Máis elementos do catálogo
Elementos relixiosos
Cruceiro de Vilar
Vilagarcía de Arousa, San Xens de Bamio
Elementos relixiosos
Cruceiro da casa reitoral do Campanario
Vilagarcía de Arousa, San Xens de Bamio
Elementos relixiosos
Cruceiro do Casal
Vilagarcía de Arousa, San Xens de Bamio