Saltar ao contido principal

Casa reitoral de San Xens de Bamio

Casa reitoral de San Xens de Bamio - Vilagarcía de Arousa - San Xens de Bamio
Imaxe: Vanesa Lago Somoza
Tipoloxía
Arquitectura civil
Cronoloxía
1769
Lugar
O Campanario
Parroquia
San Xens de Bamio

Trátase dunha construción de estilo barroco galego da segunda metade do século XVIII, máis concretamente do 1769. Debido ao seu grande tamaño e ás funcións que nel se albergaban, a construción foi realizada en varias fases, atendendo ás necesidades de cada momento.

Entre as diversas edificacións e a finca, este espazo ten máis de 3.800 metros cadrados. A propiedade conta cunha casa de dous andares (cada un deles ten unha extensión aproximada duns 200 metros cadrados), onde antano residía o párroco da igrexa. É unha edificación realizada en cantaría, coas ventás e portas alinteladas. Destaca unha pequena balaustrada realizada en forxa que se atopa no noroeste (é apreciable desde a ponte que cruza as vías do tren). Posúe un tellado a tres augas, do que sobresae unha impoñente cheminea no sueste.

Na fronte desta vivenda ábrese un patio de considerables dimensións que ten construcións anexas en dous dos seus lados (pódese apreciar nas imaxes aéreas de satélite). Tamén conta con tres accesos no muro perimetral do patio. Un destes accesos ábrese no sueste (próximo á torre-campanario) cuxa porta conta cun frontón realizado en estilo barroco, conformado por molduras, medallón, pináculos... (moi similar ao remate da torre-campanario). No lado noroeste existen outras dúas entradas, destacando a que está máis ao norte, xa que sobre ela érguese un espectacular hórreo.

Esta propiedade leva tres décadas sen uso, o que provoca que se atope nun estado de abandono parcial. O Arcebispado de Santiago de Compostela aínda é o titular deste terreo, mais debido a un acordo cuns emprendedores vilagarciáns, este recinto esta sendo restaurado e adaptado para un proxecto de turismo gastronómico. 

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vilagarcía de Arousa, aprobado o 2 de abril de 2000

Protección

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vilagarcía de Arousa (77 PHA)

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Coordenadas (WGS84)

42.633287, -8.759976

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo