- Tipoloxía
- Elementos relixiosos
- Cronoloxía
- Século XVI
- Lugar
- Beiro
- Parroquia
- Santa Comba de Cordeiro
- Concello
- Valga
É un exemplar extraordinario pola calidade da súa labra e pola cantidade de anos que teñen pasado por el. Trátase dun exemplar erixido nalgún momento indeterminado do século XVI e presenta características estilísticas que combinan xeitos de facer góticos e renacentistas. Aparentemente erguíase sobre tres gradas, algo que hoxe en día non se pode constatar a causa do detestable trato dado a un elemento tan destacado do noso patrinomio cultural, xa que os predios veciños non dubidaron en axeitar os seus peches e accesos retirando o que lles estorbase, non dubidando en encaixar o dado que o soporta e as gradas nun patio de recente construción. O dado está chafranado e nos chafráns figura unha serie de caveiras e ósos cruzados referentes ao calvario, tradicionalmente identificado como lugar onde foi enterrado Adán, sobre o que posteriormente se levantaría a cruz que o redimiría. O varal presenta unha pequena base moldurada propia dos esteos renacentistas e remata nun lixeiro engrosamento moldurado que non chega a constituír un capitel, o que leva a pensar que podería faltar esta peza do seu lugar, se é que algún día a tivo. Enlazando ambos extremos o varal corre con oito caras. A cruz amosa unha estrutura de madeira viva cos cotos presentes, o que lle dá un ritmo salientable ao conxunto, enlazándoos cunha liña que forma uns extremos máis ou menos flordelisados. Por unha cara lábrase ao habitual Cristo crucificado morto, aureolado e pousando o pé dereito sobre o esquerdo. Na outra cara está a labra da Virxe co Neno cun traballo menos logrado pola desproporción dos protagonistas, a desorganización dos pregados e unha rixidez pouco natural de forte sabor popular. Descansa os pés a Virxe sobre unha testa de anxo. Substitúese a serie de cotos da madeira da outra cara por outra de bolas que permiten lograr un ritmo similar. O estado de conservación desta cara é peor que o da outra, pois á rotura que afecta a un dos brazos da cruz únese a desaparición do rostro da Virxe. Hai que lamentar tamén a excesiva limpeza efectuada recentemente sobre o cruceiro que deixou un aspecto desgastado e moi probablemente levou consigo parte da superficie orixinal.
Referencias
PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga, aprobado o 15 de outubro do 2010 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas
Protección
PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-207)
Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
Decreto 571/1963, de 14 de marzo, sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico
Coordenadas (WGS84)
42.694816, -8.686683
Máis elementos do catálogo
Elementos relixiosos
Cruceiro Nº 2 de Vilarello
Valga, Santa Comba de Cordeiro
Elementos relixiosos
Cruz do Carballiño
Valga, Santa Cristina de Campaña
Elementos relixiosos
Cruceiro de Desabanda
Valga, San Miguel de Valga