Saltar ao contido principal

Restos de barcos areeiros

Restos de barcos areeiros - Rianxo - Santa María de Isorna
Imaxe: Javier Figueroa Iglesias
Lugar
A Vacariza
Concello
Rianxo

Na década dos anos sesenta e setenta, e incluso nos oitenta, era habitual ver navegar o leito do río Ulla por grandes barcazas cargadas de area. Era unha actividade emerxente que naceu baixo o paraugas da construción, pois as obras, tanto públicas como privadas, comezaban a alorar por todos os municipios da comarca e Galicia. Foi unha actividade moi importante e que deu de comer a moitas persoas.

A area era o material máis utilizado e tamén o máis barato. Estaba ao alcance de case todos nos ríos. Só había que poñer os medios necesarios para sacala e poñela á venda.

Mariñeiros e veciños de Isorna, foron os pioneiros en explotar este recurso. Reconverteron barcazas e incluso crearon melloras nos sistemas de extracción e facer máis fácil esta actividade. En Isorna aínda se poden apreciar restos dunha actividade que deu de comer a máis de cincocentas persoas da zona. Barcos abandonados e grúas oxidadas son testemuñas dunha economía que tiña como principal nexo de unión o leito do río Ulla.

Co paso dos anos, a situación foi cambiando e mellorando. Os empresarios puxeron culleres a bordo e comezaron a instalar as coñecidas chuponas, uns aparatos que succionaban os áridos e en quince minutos cargaban a cuberta. Os puntos de venda fóronse instalando ao longo do río na parte de Rianxo e chegou a haber até catro lugares distintos. Outro porto de referencia foi o de Pontecesures, onde os empresarios de Isorna tamén foron pioneiros.

Houbo épocas nas que até uns vinte barcos percorrían o Ulla cada día co prezado material, e daba traballo a preto de cen persoas entre as que ían a bordo e as que estaban en terra, sen contar aos transportistas que percorrían toda Galicia co material procedente do río.

O negocio ía vento en popa até que chegou a época dos anos 80. A actividade marisqueira non era todo o boa que os mariñeiros querían. A produción ía a menos e entón as miradas dirixíanse cara as naves que se dedicaban a remover os fondos dos ríos e extraer áridos. As mobilizacións dos mariscadores comezaron en Carril. Pouco a pouco a súas queixas foron a máis e as mobilizacións chegaron até os políticos que coa presión exercida, apostaron por eliminar unha actividade moi importante para todo o territorio do Baixo Ulla e da que vivían decenas de familias.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo
Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo