- Tipoloxía
- Arquitectura relixiosa
- Cronoloxía
- 1893
- Lugar
- Pontecesures
- Parroquia
- San Xulián de Requeixo
- Concello
- Pontecesures
A partir do ano 1968, San Xulián de Requeixo, quedou desligado da parroquia de Santa Mariña de Herbón (Padrón) por mandato do Arcebispo de Compostela, Miguel García Cuesta. Até entón o culto víñase celebrando na antiga Capela de San Xulián e na desaparecida Capela de San Lázaro, vinculada ao Lazareto de San Lois. No ano 1875, unha xunta parroquial acordara construír un novo templo en Requeixo. A nova Igrexa Parroquial de Pontecesures construíuse co esforzo de todos os veciños, quedando inaugurada o 8 de outubro de 1893. Deste xeito San Xulián quedou como capela.
Trátase dunha igrexa dunha soa nave (32 metros de longo e 8 metros de ancho), de 17 metros de altura e dúas torres-campanario. Nun comezo, a igrexa só tiña unha torre. A torre do reloxo foi construída anos máis tarde e atopábase encalada nos seus muros de cachotaría, para evitar que a humidade pasase ao interior.
O conxunto monumental compoñíase da igrexa, xunto coa praza do adro, que cando foi proxectada, tiña unha escalinata na fronte para entrada ao templo, cunha fonte central e arboredo. Logo o aspecto mudou coa eliminación das árbores e a modificación da escalinata frontal. Tamén foi eliminado o encalado que cubría a igrexa, obviándose así a funcionalidade deste tipo de tratamento da pedra.
Referencias
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Pontecesures, aprobado o 27 de xuño de 2003
Protección
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Pontecesures (PO G)
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
Coordenadas (WGS84)
42.720986, -8.651785
Máis elementos do catálogo
Arquitectura relixiosa
Capela de San Xulián de Requeixo
Pontecesures, San Xulián de Requeixo
Arquitectura relixiosa
Capela da Virxe do Carme
Pontecesures, San Xulián de Requeixo