Saltar ao contido principal

Igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia

Igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia - Padrón - Santa María de Iria Flavia
Imaxe: Iago Pillado
Outras denominacións
Colexiata de Iria Flavia, Colexiata de Santa María a Maior de Iria Flavia ou Igrexa de Santa María de Adina
Cronoloxía
Século XIII
Lugar
Iria
Concello
Padrón

O primeiro templo de Iria foi arrasado no século X por Almanzor, para posteriormente, no século XII, o Arcebispo Xelmírez ordenar a súa reconstrución, converténdoa en colexiata. Foi sé episcopal desde o século V até o 1095, colexiata até 1895, e a partires desta data pasou a ser parroquia maior, dedicada a Santa María.

A edificación é de estilo gótico, coa planta en cruz latina de tres naves con cruceiro e dúas capelas acaroadas nos extremos. Presbiterio manifestado na planta e no alzado. Fachada con pinche na nave central, destacando sobre as naves laterais, máis baixas. Ten un reloxo de sol. A parte inferior da fachada constitúe o único resto da antiga colexiata, no remate do románico. As naves están separadas por esteos de sección cadrada, con grandes pilastras que soportan o entaboamento continuo e arcos de medio punto. As naves laterais cóbrense de aresta, e a central con bóveda de medio canón, con lunetos, separada do cruceiro por unha reixa de ferro forxado. O retablo maior situado no seu interior está datado no século XVIII e é obra do escultor Romay. As torres son de estilo neoclásico, planta cadrada e perpiaños de granito. A fábrica é sinxela, coa imposta en bo relevo, vans de arco de medio punto con balconciño e remate deste con balaústres, sobre a cornixa. Enriba, pirámide con sucesivos beirís.

A capela do lado norte, do século XVIII, é a do Sagrario, dedicada á Virxe de Belén. A capela do lado sur, datada no século XVII (1666), é obra do arquitecto Melchor de Velasco. Ten planta rectangular formada por capela de planta cadrada e capela de culto acaroada á mesma, formando presbiterio ou cabeceira. Perpiaños de granito. Comunícase co brazo sur do cruceiro por arco de medio punto sobre pilastras e frontón recto, agudo, partido co escudo de Alonso de la Peña e Monteagudo. Capela funeraria de planta cadrada con apoio de dobre pilastras nas esquinas, e cúpula cega. No lado leste, sepulcro e estatua orante do Bispo de Quito. Cabeceira de pilastras soportando entaboamento de formas robustas con bóveda de canón.

O adro é de planta irregular, que na parte anterior preséntase como un rectángulo, pechado por un muro de moi boa construción, con pasamáns moldurado e porta de entrada con escalinata en abano, de chanzos con moito voo, e dous grandes esteos moi moldurados.

No interior da igrexa existe un sartego no que en 1675 se descubriu que o corpo depositado dentro permanecía incorrupto. Axiña comezaron a visitalo enfermos coa esperanza de curarse. Sábese que no ano 1850 levaron a Rosalía de Castro, nena de delicada saúde. En 1979 aínda concorreron ao sartego oitocentos enfermos. Acudían sobre todo nenos enfermos de mal de aire, unha das doenzas máis claramente relacionadas coa impureza ritual descrita no Levítico. O rito consitía en deitar ao enfermo, en decúbito supino, sobre a tampa do sartego, rodándoo tres veces a cada lado. O procedemento é similar ao que usan os curandeiros para tratar o mal de aire de morto sobre unha lápida do cemiterio. Neste caso, ao rito de expulsión da enfermidade ao lugar que lle corresponde, súmase a idea de contacto co santo.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Padrón, aprobado o 27 de xullo de 1994

Patrimonio Galego

El sepulcro del arzobispo compostelano Don Rodrigo de Luna en Iría Flavia

Roteiro Rosalía de Castro | De Padrón polos camiños

Ruta Rosaliana | As pegadas de Rosalía

Reloxos de sol de Galicia

Padrón Turismo

Megaliticia

Museo do Pobo Galego

Protección

Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Padrón

Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

Coordenadas (WGS84)

42.745843, -8.655061

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo