Saltar ao contido principal

Pesqueiras das Bellas

Pesqueiras das Bellas - Padrón - Santa María de Herbón
Imaxe: David García-Louzao | nocursodaauga.com
Cronoloxía
Século IX
Lugar
Herbón
Concello
Padrón

As pesqueiras ou lampreeiras remóntanse á época romana e aínda hoxe se conservan esas antigas artes de pesca. Explotounas o Cabido de Iria até o século XX. Na actualidade pertencen aos veciños do lugar. A concesión para pescar lampreas nas pesqueiras do Ulla ten a súa orixe nun documento datada do século IX que na actualidade está en poder da familia Lago de Herbón, quen no seu día foi interpretado por un frade do Convento dos Franciscanos.

Están formadas por grandes bloques, máis ou menos cuadrangulares, de pedras de moi variados tamaños. As que mellor se conservan cruzan practicamente todo o río, soportando extremas correntes de auga. As súas dimensións varían, mais a media é de 3 metros de alto por 2 de lado e outros 2 de ancho. Están aliñadas en perpendicular ou oblicuas á corrente, cruzando case todo o río, agás unha gran corrente central que se chama “vena” e que queda libre de trampas. Aos ocos que hai entre os bloques, chámanselle “boquetes” ou “pasillos”, e é o lugar onde se arman os aparellos de pesca.

As Pesqueiras das Bellas miden uns 91 metros. Teñen as subdenominacións de As Bellas (as da metade do río na súa beira norte) con 4 “pescos” e 3 “pasillos” e Ribeiro ou tamén As Bellas (as da outra metade na beira sur) con 8 “pescos” e 7 “pasillos”. Cada “pasillo” ten á súa vez o seu propio nome: o da Curuxa, o da Francisca, O Quintón, O Pexego, a continuación está a “vena” central sen armar, Pexego, Virguería, O Cabalo e O Cachopo.

O sistema de levantado de copos das Pesqueiras das Bellas é moi vistoso, posto que os propietarios utilizan unha barca chamada Ana María, que se constrúe de novo cada 6 ou 7 anos. Utilízase esta barca para aproximarse aos “pescos”, loitando contra a corrente para poder acceder a cada un deles.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Faro de Vigo

Lampreas e Pesqueiras. Historia, artes de pesca e receitario. 2008. Editorial Galaxia

Pesca da lamprea no río Ulla en 1991 | CRTVG

A vida nos ríos galegos

nocursodaauga.com

Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego

Fernando Cabeza Quiles

Protección

Non

Coordenadas (WGS84)

42.731252, -8.633137

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo