Saltar ao contido principal

Aduana fluvial de Ponte Cesures-Padrón

Aduana fluvial de Ponte Cesures-Padrón - Padrón - Santa María de Iria Flavia
Imaxe: Fernando Cabeza Quiles
Tipoloxía
Arquitectura civil
Lugar
O Paraíso
Concello
Padrón

Segundo conta Fernando Cabeza Quiles, a aduana é un lugar da parroquia de Iria do Concello de Padrón. Como o seu nome indica, neste sitio estivo a aduana que houbo ma marxe dereita do porto fluvial de Padrón-Pontecesures sobre o río Ulla. Esta oficina pública controlaba e cobraba os dereitos de paso das mercadorías que subían en barco dende a ría de Arousa polo río, outrora máis navegable.

Foi xefe desta aduana durante algún tempo o militar catalán José Gasset Montaner, que había ser bisavó do notable filósofo e ensaísta español José Ortega y Gasset. J. Gaset Montaner tamén foi administrador, cara ao ano 1800, do antigo almacén da renda do tabaco, situado na actual vila de Pontecesures, na outra banda do río Ulla. O derradeiro administrador da aduana de Pontecesures-Padrón foi José Varela Fontán. Cara ao ano 1928 a aduana era, segundo Carré Aldao, de cuarta clase: "Su aduana es de cuarta clase y se denomina de Ponte Cesures-Padrón. Es estación sanitaria de segunda clase", xa que, á parte da súa función recadadora coas correspondentes taxas sobre o tráfico das mercadorías que controlaban, as antigas aduanas exercían xa un certo control sanitario dos produtos alimenticios que pasaban polas súas mans.

A edificación desta aduana aínda segue en pé e pódense diferenciar os ocos, hoxe tapados, onde os gardas metían os seus mosquetóns dende dentro, co fin de protexer a aduana en caso de ataque ou intento de roubo das mercadorías que gardaba, as máis grandes das cales eran almacenadas nunha especie de curral en fardos e caixas grandes e as máis delicadas e valiosas nunha dependencia cuberta provista de barrotes. Da importancia que tivo o porto padronés e cesureño da idea o relato de María Teresa Codesido, actual propietaria, segundo o cal un seu tataravó, chamado José Cabo, pilotaba, a mediados do século XIX, un galeón de tres paos que levaba a vela mercadorías comestibles (follas de bacallau, aceite, cebolas, etc.) desde o porto de Padrón até os de Xixón e Santander, desde os que traía de volta outros produtos.

Galería de imaxes Álbum de fotos externo

Referencias

Fernando Cabeza Quiles

O Pontecesures Antigo

Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble de Galicia

Protección

Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble de Galicia

Coordenadas (WGS84)

42.723376, -8.655496

Ver no mapa xeral

Máis elementos do catálogo